terça-feira, 28 de dezembro de 2010

Entón as olladas volvéronse distantes



Percibiron a través da visión distorsionada
imaxes dunha guerra
Outra de tantas
Alguén le, observa o rostro dun ditador recorrente
Noutro lado da rúa
a puta vida deulle unha patada no cu
ao pobre derrotado
que fuma a porca cabicha que rescatou do chan
Namentres, as gastadas palabras buscan razóns
para seguir en pé
As feridas da alma vanno matando pouco a pouco
Sente que está morto
Analiza encrucillados
e descobre que hai enigmas que se escapan
do seu control
A brisa acurralada foxe. Foxe dun país que lle nega unha
esperanza
Inmigrante sen papeis é prostituída por un puto traficante
nun club de carretera
Hoxe, outro asasinato de xénero, indixesta o almorzo
A incompetencia impregna as costas de veleno
Cor acibeche
E máis
Pero; os ollos cérranse, non queren ver
Apágase un televisor
e por un instante, experimentas o alivio dos ignorantes


Licença Creative Commons

sábado, 11 de dezembro de 2010

Achanta



a gorxa é longa
As costas do pobre, tumescentes
non posúen folganza
para o espreguizamento
Talvez, “in vino veritas?”
Existe unha bébeda fantasía
contorsionándose na súa mente
as lousas esvaradías perden o equilibrio
baixo os seus pés
Ratas urbanas erguen berros incoherentes
así que, ponte un chapeu amarelo e camiña...
Mañá os colectores volverán a encherse
de lixo


Licença Creative Commons


quinta-feira, 2 de dezembro de 2010

Os espellos proxectan estruturas



que rexeitan inquebrantábeis espíritos
arroutados desconformes
carecen de xeonllos
non morden a terra
e sosteñen pancartas revolucionarias
Argumentos inacabados
crechos pensamentos entréganse
ao sublime acto
de lamber feridas
Soños en salmoira
debuxan unha paisaxe imperfecta
Designios fatalistas inxéctanse
nun océano intravenoso
namentres, o resto dorme a conciencia
recontando moedas
apuntalando o sorriso
no pico dun iceberg metafórico
invento dun repelente traficante

sábado, 20 de novembro de 2010

A liña vermella



suspendida na atmosfera

abrangue o silencio que nos suicida
contra os marcos das portas pechadas
sen saída
Este é un longo instante, de sinais enmudecidas
finadas pola vinganza do tempo
Atopo espirais amarelas,xelatinosas
de sabor agridoce
que amosan a inexactitude
da extensión das nostálxicas páxinas
que conviven
no cerebro ateigado de obsesivas cadencias
poderosas

Acachoupada, entre as rúas de pedra
unha escura toupa acada a visión perdida e
séntase no sumidoiro a chorar


Este poema pertence ao poemario "Aínda son unha amante inconsútil"
3º Premio no 1º Certame de poesía “Eduardo Chao” Vigo, 2006






Licença Creative Commons

quinta-feira, 4 de novembro de 2010

Bosquexo dunha perna que pretende tirar para diante III



En concreto sabía dela
As palabras fixeran unha descrición
Polo miúdo
Seica existiu, mais
Foi un concepto arredor dunha noria
O cuspe pegou ideas no baleiro
A man, con claros síntomas de
inseguridade
traza bosquexos inexactos dunha perna
que pretende tirar para diante


Licença Creative Commons

terça-feira, 26 de outubro de 2010

Bosquexo dunha perna que pretende tirar para diante II



Pendúrase nos extremos
Sabe que non hai tempo, mais
xorde temerario
Busca o equilibrio dos arácnidos
na ingrávida superficie de alienados
autómatas
Eses que formulan realidades ao pé
dun tallo retorto
e cando lle penetra o solpor na face
distraída
gabéanlle polos ombreiros
as teorías obsesas dos vagalumes
malia todo, o son dun clavicordio
prolixo, lesiona a extrema levidade das
caracochas


Licença Creative Commons

segunda-feira, 18 de outubro de 2010

Bosquexo dunha perna que pretende tirar para diante



I
No lado esquerdo da xanela pousa unha bolboreta
tricolor
verde, amarela, vermella
Alugada neste espazo, no que habita
Ten penduradas pingas de resío nas paredes
obxectos que recordan a herba mollada
trevos de catro follas, amuletos de boa sorte
e unha figura que se proxecta no centro do cuarto en
decúbito supino mirando o ceo
pousos de café certifican a fiabilidade das visións
catro bágoas enxoitas descansan na páxina
daquel libro
que antonte ficou abandonado a carón da televisión
Un corazón con marcapasos atravesa carreiros
estreitos
Sabe que está de prestado
Nese tempo soa un sineiro e o reloxo de peto marca
as 12 e un cuarto
Deixa de contar as horas e sente na caluga os ollos
dos xurelos que agardan a hora de xantar
enriba da mesa da cociña
De vagar senta nunha cadeira e conversa
sen présa, e debuxa a silueta do vento
cun dedo no mantel
Este é o primeiro poema do poemario. Gañou o segundo premio de poesía no "I Certame Literario Terras de Chamoso" O Corgo, Lugo- 2008.


Licença Creative Commons

sexta-feira, 8 de outubro de 2010

Hai voces de antano



que furan os valados do tempo
Miña nai conta, que eran tempos de fame
que ata o mar botaba por fóra
eran tempos de troco, millo por peixe
As mulleres do mar subían polo monte
coas patelas de sardiñas nas cabezas
cara o interior da terra
Eran tempos de escaseza
Dicía, que a supervivencia era un milagre
As carencias xermolaban nas brañas
e cancelos ditatoriais pechaban o agro
cartillas de racionamento e cuncas de caldo
pola noite a carón da lareira
Eran tempos de fame
Os amenceres abríanse lentos, moi lentos
Ela fala
daqueles medos apegados nos miolos
en proceso de adaptación
das terroríficas lembranzas dos vellos
Silencio, calade!
Ela pensa
A morte é unha dura visión
que fomenta pantasmas cando hai lúa chea
Como poden durmir en paz
os paseantes axustizados na Caeira
Ela cala, mais reflexiona
que as voces de antano
furan os valados do tempo
As carencias xermolaban nas brañas
e os amenceres abríanse lentos, moi lentos



Licença Creative Commons

quinta-feira, 30 de setembro de 2010

O sabor da pel

segue impregnado nos labios
Notas dunha música coñecida acaricia recunchos
e acenden as primeiras luces no regazo dos suspiros
os salaios arrolan amenceres, nas húmidas superficies
da paixón
Ávidas linguas percorren camiños nos corpos trémulos
sen outra intención, que agardar a inevitábel travesía
das extensións
elas asumen a inminente submisión dos sentidos
instalados nas marxes duns ollos que agroman
nunha inmediata loucura de espidos desexos
e prosegue no acompasado ritmo dun poema
tatuado coa acesa boca sobre un amado corpo
perpetuado na festividade da deidade
que proclama un ceo na proximidade do cráter

Sospeito que non existen exilios que aforquen
a memoria dun abrazo


Licença Creative Commons

terça-feira, 21 de setembro de 2010

A face verde dun bufo aburrido, inmóbil





pernocta nas meniñas dun paporroibo
suicidado na fría transparencia
do vidro dunha xanela
24.000 lesmas negras
invaden
espazos de humidade intensa
Períodos de transición agardan
no outro lado da porta
onde os enigmas amoréanse
baixo as pegadas do incerto
Nostálxicas diapositivas
evocan memorias que rabuñan as gorxas
e a mudez forma cadaleitos de soños
Han bater as curuxas na durame
que te transita de PEDRA
Seino, hai un prognóstico de derrota
pendurado no teito


Licença Creative Commons

segunda-feira, 6 de setembro de 2010

Extingo dunha incisión perfecta


a verba que se abate como unha sombra
............................................no pensamento
e observo como unha acaecida demencia
afoga no interior dun líquido amniótico
Neste caso o concepto é unha liña
.................................perpendicular
apegada na base do subconsciente
Non sei canto, mais este naufraxio
foi cómplice da alienación
E coido que ás veces é preciso
engancharse, gabear na aparente
tranquilidade estupefaciente
Este poema pertence ao poemario "Aínda son unha amante inconsútil"
3º Premio no 1º Certame de poesía “Eduardo Chao”
Vigo, 2006







Licença Creative Commons

terça-feira, 24 de agosto de 2010

Hai días que semellan séculos


nos que dolorosas estrías marcan
........................ ...........superficies
nos esgotados corpos
que son mapas opacos
..............coma se fosen
rasquizos dunha ditadura
que se resiste a morrer

Hai unha cicatriz interna
que supura delatadas
............desconformidades
desángrase burbullantes
queixumes que son enmudecidos
........................................sen razón

Hai cousas que non cambian
O tempo non repara
nas acochadas bágoas
................nin nos ollos
que miran as xanelas abertas
coa ilusión erosionada
polos francotiradores
ghichos de coidados risos
.............que mallan miolos
con descricións de empregados
.........................de ciencia ficción
E ti, no medio
onde a crise é unha canción
...............................de negros
entoada nos campos de algodón
......................................do asfalto



Licença Creative Commons

sábado, 14 de agosto de 2010

Ás veces temo a metamorfose

.O brillo da moeda que nos arrastra ao presunto
dominio dun fillo de puta por un miserento
..............................................................salario
Hoxe tócame dobre representación, os espectadores
...................................................agardan ocorrencias
O mañá oscila entre preguiza e desgana
Renxe un espertador na mente coma
.................................................un mazo
Almanaques pirómanos de soños
delinean maioritariamente de negro os días
É tarde
Os semáforos sábeno e foden
cambiando o verde permisible
por un vermello que paraliza
Toca a campá, xa é hora, outra vez a contenda de
.....................................................puntualidades e
.................................................................atrasos
da diaria xornada de perfecta proletaria
........................De cancelados dereitos e
.............................unha morea de obrigas
Mañá acadarás o teu premio
Subir ao ceo dos idiotas
Pero esta certeza non é suficiente
............................A fe perde adictos
As promesas trócanse en contos de fadas
e levas un corvo no bico



Licença Creative Commons

This work is licensed under a Creative Commons Atribuição-Uso não-comercial-Vedada a criação de obras derivadas 3.0 Unported License.

sexta-feira, 6 de agosto de 2010

Os contidos dos contos

son contraproducentes
Superan os límites permitidos pola lei
Cada día as inspeccións cometen deliberadas
infraccións
É preciso anular todas as normas
Escapar de confesionarios absurdos
Descolgarse de eivas que infecten o pensamento
Liberarse do compromiso de aturar máscaras
que ás veces impiden ver a nítida falsidade dos
afectos
Hai ocasións nas que observo e cavilo
na sobredose de lerias
Na ficción indocumentada que se nos vende
Non obstante
un solo resoa na escuridade
prendido no acorde dun alfinete
Talvez dea coa nota, aínda que pareza lonxincua
e abrace a razón das ideas no neboeiro reflexo
dun ollo de vidro



Licença Creative Commons

sexta-feira, 30 de julho de 2010

A luz volveuse opaca



polo tanto decidín viaxar nocturnamente
aliñarme axexante tralos vencidos

vaites! é estraño, aínda son unha amante
................................................... inconsútil
De súpeto as xanelas visten enreixados
e evocan tempos malditos
Eu tento argallar un número indefinido de
......................................................metáforas
para que non me invada a invernía da incerteza
mais...
se existe un oco onde agochar os medos
Primeiro, déixame sentir a calor dos teus beizos

3º Premio no 1º Certame de poesía “Eduardo Chao”

quinta-feira, 22 de julho de 2010

O sentimento



é tamén un acto exhausto
.................conxunción de suor
.................................e esperma
onde capturadas posturas, abren apetito á altura
................................................de ardentes embigos
A radio na cabeceira do leito marca o ritmo
sintonizando o dial, que transporta o desexo á correcta
.......................................................cooperativa de caricias
Os grilos sempre forman rexementos entre a cintura
.................................................................e extremidades
Convulsivos corpos, deseñan unha central nuclear que arremete
..................................................................................................e estala
....................................................................................cara as nádegas
e xacen extasiados, penetrando a terra
en perfecta correspondencia



Licença Creative Commons

segunda-feira, 12 de julho de 2010

Aquela ladaíña semella allea



mais é moi nosa
Regresa cara a un coma unha estadea
nas tenebrosas sombras dun ocaso
Coma se entrase unha friaxe inmensa
no corazón dun home, de mans baleiras
...................................abertas á extrema
na que a memoria fecunda longos interrogantes
e puntos ananos conservan profundos
..........................................desarraigos
sinalados na diferencia, perpetuados
na somnámbula caligrafía dos paxaros
...................................................Ineptos
................................................descoidados
Eses que figuran no acto conmemorativo
......................................................apropiado
Pero cada día ao lecer
hai paseantes nos arrabaldes de melodías tristes
e rumores de fado tronzan en anacos
...........................a resistencia dos cons
que agonizan nas vellas rúas
da cidade, cara ao vertente
onde as tormentas baten máis forte
Naquela avenida anegada
as amolecidas notas rachan en vinte mil
........................................................bágoas
Case un océano de excesiva humidade
circunda os contornos dos illós
Perder a vida ás veces, non é tan grave


Licença Creative Commons


sábado, 3 de julho de 2010

Pendúrate no P



de pedante, de pexo
de perennes pensamentos
que fan doutrinas
Pendúrate no P
de pecho, de penedo
E o P che poñerá
pendón de supremacía
Pendúrate no P
de pene retrógrado
trasnoitado amador de femias
ás que mutilas de clítoris e mente
Pendúrate no P escuro verme
e fica crecho coma un pau inútil
Namentres, nesta area que habitas
disólvense as bágoas
das vítimas do teu deserto


Licença Creative Commons


segunda-feira, 28 de junho de 2010

Xorde unha morte

.
e decátaste das olladas apresadas
........................................nas meniñas
Das verbas de antonte que parecen
..........................................insuficientes
O tempo foxe entre os dedos, inexorable
oculto entre códigos imperceptibles
Tan só un último alento
exhala a lexible lectura de incenso e cinza
rechía nos dentes a crueza dun beixo
que transporta a un último cadáver
ao rito de corpo presente e posterior
........................................soterramento
Xace na sombra
atrapado na liña divisoria
onde polo momento
non podo aproximarme
A néboa ergue vetas
nos escenarios de mortes imprevistas
fanse monólogos
baixo a tenue luz das candeas
e as bágoas reconsideran
a perpetuidade de desolados océanos


25 – 2 – 05




Licença Creative Commons

This work is licensed under a Creative Commons Atribuição-Uso não-comercial-Vedada a criação de obras derivadas 3.0 Unported License.

domingo, 20 de junho de 2010



Son a silandeira verba
que agasalla cunha caricia
arrodeándoche o oído
O larpeiro regato que acolle a lava quente
chouta nos múltiples arrebatos
..............................representados
na sensual danza de linguas
Coutando espazos dunha xeografía
a mestura de cuspe pega dúas bocas
ao bordo do cobizoso precipicio
esvaradas, séntense vítimas dun tempo
que non parece propicio, pechan os ollos
entón a pel debuxa accesos secundarios
....................................................precisos
porque o arrecendo estraño do instinto
fai que apelen aos cinco sentidos
e urbanicen os solos, conmemorados
pola avidez do tacto, que esperta sensacións
.....................................................emerxentes
.................................................nas mans abertas
Acaso é isto unha tolemia, non sei
mais pensa no enigma e olla como transitan baixo
..........................................os narcotizantes efectos
.................................................duns ollos que miran




Licença Creative Commons

segunda-feira, 14 de junho de 2010

Afumados calidoscopios


reflicten cadáveres calcinados de indixentes
que ben puideran ser, un mesmo
As noites afanse
á provocada lentura das meniñas
Encadeadas no conciliábulo
A negra cascuda, axexante
ansía presas para poñer no caínzo
Mais, ignora que os ápteros
tamén aprenden a voar
Mentres isto sucede nun atelier de glamour
Outro eléctrico
percorre a inercia do tempo



Licença Creative Commons

terça-feira, 8 de junho de 2010

A luz abrolla



docemente nos labios
Amantes espidos observan valados de cuspe
................................................que pegan bicos
nas cúspides tocadas pola paixón
As pucharcas acollen, zumegan líquidos
.........................................................zume
zume con sabor a guacamole e a mazá
Esvaran coma bébedos sobre a superficie
..........................................................da pel
e as ondas do océano arremeten na carne
coa violencia dunha taquicardia
Faise a luz nos ventres
e no sétimo día descóbrense atallos
para acceder ao centro do volcán
Coas posicións perfectas pernottare
nell’ altro corpo per sempre
sentire quella strana malattia
mentres a luz apropiouse dos corpos
en situación de perpetuo clímax



Licença Creative Commons

quinta-feira, 3 de junho de 2010

A inxustiza



baixa a rúa igual que unha prostituta
co zarandeo sensual do que espera follar férreas leis
e pasalas polo forro

A escura erección construíu aduanas
onde cobrar impostos a comités de desempregados
de fame intacta

e eles...
séntense esquecidos da man dun Deus
resignados, pensan que a desgraza é designio divino
confésanse vítimas da adicción a todos os santos
e o clímax da vida eterna
fai soportable a lei do embude
A fe provoca sacrificios inútiles
A estrela de prata ilumina ao mellor postor
A catividade transfórmase en probas de acceso
a un falso paraíso de latón

Así, uns e outros
permanecemos coa rescatada alegría dos incautos
alimentándonos de certezas que son soños
tombados nos catres de insalubres celas



Licença Creative Commons

quarta-feira, 19 de maio de 2010

Supostamente estaba aí



As pálpebras pechadas
deambulan polos espazos impenetrábeis
.....................................da mente en tránsito
A luz decrecida concibe unha escura ameaza
e fire silenciando verbas ao bordo dos labios
Delimitadas liñas interceptan códices ambiguos
que forman linguaxes incertas
Confusas emisións flúen coma fráxiles
........................................................caricias
mergullándose nas augas da inexistencia
As páxinas acollen un baleiro inmenso
Cunha extensión que talvez
non abonda con mover os labios
....................................para superala
As ausencias tinguidas de tinta
garabatean un mundo de símbolos deformes
Virus informáticos asaltan arquivos
con lousas que soterran alfabetos
.............................................efémeros




Licença Creative Commons