quinta-feira, 30 de setembro de 2010

O sabor da pel

segue impregnado nos labios
Notas dunha música coñecida acaricia recunchos
e acenden as primeiras luces no regazo dos suspiros
os salaios arrolan amenceres, nas húmidas superficies
da paixón
Ávidas linguas percorren camiños nos corpos trémulos
sen outra intención, que agardar a inevitábel travesía
das extensións
elas asumen a inminente submisión dos sentidos
instalados nas marxes duns ollos que agroman
nunha inmediata loucura de espidos desexos
e prosegue no acompasado ritmo dun poema
tatuado coa acesa boca sobre un amado corpo
perpetuado na festividade da deidade
que proclama un ceo na proximidade do cráter

Sospeito que non existen exilios que aforquen
a memoria dun abrazo


Licença Creative Commons

terça-feira, 21 de setembro de 2010

A face verde dun bufo aburrido, inmóbil





pernocta nas meniñas dun paporroibo
suicidado na fría transparencia
do vidro dunha xanela
24.000 lesmas negras
invaden
espazos de humidade intensa
Períodos de transición agardan
no outro lado da porta
onde os enigmas amoréanse
baixo as pegadas do incerto
Nostálxicas diapositivas
evocan memorias que rabuñan as gorxas
e a mudez forma cadaleitos de soños
Han bater as curuxas na durame
que te transita de PEDRA
Seino, hai un prognóstico de derrota
pendurado no teito


Licença Creative Commons

segunda-feira, 6 de setembro de 2010

Extingo dunha incisión perfecta


a verba que se abate como unha sombra
............................................no pensamento
e observo como unha acaecida demencia
afoga no interior dun líquido amniótico
Neste caso o concepto é unha liña
.................................perpendicular
apegada na base do subconsciente
Non sei canto, mais este naufraxio
foi cómplice da alienación
E coido que ás veces é preciso
engancharse, gabear na aparente
tranquilidade estupefaciente
Este poema pertence ao poemario "Aínda son unha amante inconsútil"
3º Premio no 1º Certame de poesía “Eduardo Chao”
Vigo, 2006







Licença Creative Commons