I
No lado esquerdo da xanela pousa unha bolboreta
tricolor
verde, amarela, vermella
Alugada neste espazo, no que habita
Ten penduradas pingas de resío nas paredes
obxectos que recordan a herba mollada
trevos de catro follas, amuletos de boa sorte
e unha figura que se proxecta no centro do cuarto en
decúbito supino mirando o ceo
pousos de café certifican a fiabilidade das visións
catro bágoas enxoitas descansan na páxina
daquel libro
que antonte ficou abandonado a carón da televisión
Un corazón con marcapasos atravesa carreiros
estreitos
Sabe que está de prestado
Nese tempo soa un sineiro e o reloxo de peto marca
as 12 e un cuarto
Deixa de contar as horas e sente na caluga os ollos
dos xurelos que agardan a hora de xantar
enriba da mesa da cociña
De vagar senta nunha cadeira e conversa
sen présa, e debuxa a silueta do vento
cun dedo no mantel
Este é o primeiro poema do poemario. Gañou o segundo premio de poesía no "I Certame Literario Terras de Chamoso" O Corgo, Lugo- 2008.
This work is licensed under a Creative Commons Atribuição-Uso não-comercial-Vedada a criação de obras derivadas 3.0 Unported License.
Sem comentários:
Enviar um comentário