quarta-feira, 26 de novembro de 2008

Poema onírico. A voz de Leonard Cohen mergullada nunha etapa do meu sono.


Agora que o penso, aquel era un cuarto
iluminado pola lúa minguante
Non chega o sol para acender as lámpadas
...............................................................do teito
que estoupan en sucesivas imaxes, secuencias sen sentido
.......................................................................................na noite
“O pequeno valse vienés “ resoa nunha onírica voz
imitando a Leonard Cohen
................................nun perfecto inglés
Ay, ay ay ay
Take this waltz take this waltz
Nas súas notas. Polas rúas escuras do silencio
..........................................................recolle verbas
os últimos versos, un poeta insomne

Espidos paxaros aniñan no faiado dos soños
Abren fiestras, coma quen constrúe castelos no ar
......................................................................e brincan
.............................................................................brincan
Empurran a vida para que esperte

Na cidade dos buratos chove, chove
Nesa sucesión de cráteres urbanos
crávanse pegadas no barro
..................................na lama

Na noite, mente sen linde
dan voltas as faces dos pesadelos

Poema incluido no libro: "a porta verde do sétimo andar"





Licença Creative Commons



domingo, 9 de novembro de 2008

Recital de: O clube dos poetas vivos e A porta verde do sétimo andar no UF

Foto de grupo. De esquerda a dereita: Servando Barreiro, Alberte Momán, Alfonso Láuzara, rosanegra, José Manuel Barbosa, Mariola soutelo, Artur Alonso, Cruz Martínez, Concha Rousía coa súa filla e Enrique Leirachá.



Foi o sábado, 22 de novembro.





O pracer acadou dimensións perfectas na rúa Pracer... no Uf...
As emocións reflectíronse nos interiores, coma náiades mergulladas nun río entre carballos, fortes, rexos... e a palabra palpitou enriba do pentagrama dunha cantarea.

sábado, 8 de novembro de 2008

Recital Músico- Poético en " A Esmorga" (Ourense)

Na foto de grupo, de esquerda a dereita: Belén de Andrade, Servando Barreiro, Concha Rousío, Gonzalo Caride, José Manuel Barbosa, Cruz Martínez, Maica Álvarez, Artur Alonso e rosanegra.
O sábado 24 de xaneiro estiven na rúa telleira. Os integrantes de "A porta verde do sétimo andar" fomos convidados polo outro colectivo cultural "O clube dos poetas vivos".
A friaxe desa noite, quentouse dabondo coa palabra e a música reflectida no interior de " A Esmorga.

sexta-feira, 24 de outubro de 2008

É un felino engaiolado

que agocha, acubilla no seu regazo
a suposta materia inanimada

Insomne, percibe o milagre
dos vívidos espertares dos autómatas

Apégase, adhírese na adxacente textura
e concibe un adagio
conexo á face da moneca de trapo




Licença Creative Commons

terça-feira, 14 de outubro de 2008

novilunio


As liñas transfírense
apalpan os recantos periféricos
captan o xélido perímetro dun ovoide
raias profundas
decorren nun ínterim
o lúgubre entorno nucleico
abeiran o endeusado endego
e polimerízanse na interna cavidade cinérea




Licença Creative Commons

terça-feira, 30 de setembro de 2008

O vento pega na epiderme da ferralla



atravesando os furados detritos
fragmentos dun todo, noutro tempo
chimpado agora, no curruncho dunha chousa
ataviado cunha pobre litografía de pasamento
e un chapeu de palla
indiscutíbel complemento de elegancia

Mais se reparas, semella ollarte de esguello
dende a súa condición dun espichado



Licença Creative Commons

sábado, 20 de setembro de 2008

Moi rufo


No ollar dun bufo verde, imperturbábel
brincan ousados vocábulos
e forman escorzos harmónicos
baixo os crípticos ollos cor de laranxa
que percorren urbi et orbe, alíferos
coa fachenda dun captor innato
á esculca nos eidos de salgueiros e carrascas
Vívido, arúspice
existe un augur in crescendo nas súas ás





Licença Creative Commons


segunda-feira, 15 de setembro de 2008

Poetas na Rúa















Este domingo estiven en Combarro, presentando o VII Festival Popular de Poesía.
O meu poema " Estoupaban verdes escaravellos" foi publicado no libro que editaron co gallo do festival.
Para min foi un pracer conducir este acto poético coas novas xeracións de poetas.




Esta foto incluíronma no libro, "Poetas na Rúa" 2008

domingo, 7 de setembro de 2008

Data 6 de setembro, lugar Salvaterra

Perpetrárona coa lingua endemoñada
...............................................do agoirento
perforando a beleza indefensa, machucada
.........................................entre a herba murcha
mentres ollan a ferida durame dos cons
fincan os pés na maltratada terra e nisto
unha recua de grilos inicia o inminente
..........................................exercicio do exilio
deixando as moutas lúgubres, lousadas
..................................................de formigón
lesas, con evidentes sinais do matricidio
Aí onde tes a man, no corazón, agora
mantéñense vintecinco mil vermes cincentos
................................................................inanes
Incrústanse cepos no sangue coagulado e
transitan devezos esfiañados
Hanse atopar margaridas de ferruxe
nos peteiros dos paxaros fosilizados
e 13 corvos grallan enriba dos valados


Cruz Martínez

Poema incluído no libro do: XXII Festival da Poesía no Condado, 2008

terça-feira, 26 de agosto de 2008

Estoupaban verdes escaravellos




nos vidros de afumados lentes
Introducíanse coma pequenos besbellos
inquedos, inmersos na dinámica
de rachar a quietude do sono
O serán multicopista, reproduce devezos
no ar daquela primavera
enriba da superficie pétrea
Se acaso, fóronse involucrando
nas meniñas en repouso
e unha inusitada levitación
convértea nunha alada, nunha penla
que sobrevoa o onírico célico
plana, mentres os escaravellos verdes
furan a estraña levidade das follas de cemento



terça-feira, 19 de agosto de 2008

XXII Festival da Poesía do Condado

Em Setembro, em Salvaterra


O XXII Festival da Poesia do Condado, organizado pola SCD do Condado. Este ano, som a legenda 'Galiza nom se vende'.Um amplo programa, que dá começo a quinta-feira, 4 de Setembro, com exposiçons de pintura, fotografía, poesia visual, com música e, por suposto, com poesia.Alí estará a exposiçom de Igor Lugris'Poesia para ver/poesia para ler', e o Sábado dia 6 : Xiana Árias, Pedro Casteleiro, Paco Souto, Concha Rousia, Cruz Martínez, Alberto Lema, Lino Braxe, Chus Pato, Pilar Beiro, Núria Martínez Vernís ( dos Països Cataláns), Limam Boicha (do Saara) e Isaque Ferreira (de Portugal), apresentados por Luis Caruncho e Pinto d’Herbón, e com a música d'A Quenlla (Galiza), Canto da Terra (Portugal), Tabanka Djazz (Guiné-Bissau), Pirats Sound Sistema (Països Cataláns). Porque governe quem governe, Galiza nom se vende.

O programa completo pode-lo ver no seu web, ou aqui a seguir.

PROGRAMA DO XXII FESTIVAL DA POESIA NO CONDADO
do 4 ao 6 de setembro 2008. salvaterra de minho
.

Quinta-feira 4 de Setembro


19.30
Apertura de exposiçonsCovas de Dona Urraca / CASA DO CONDE
Pintura- Fernando Morales- Helena Fontám
FotografiaGermán Cruces Rajoán: ‘Percurso do rio Minho’
Instrumentos tradicionais
MostraIgor Lugris: 'Poesia para ver, poesia para ler'

20.00
Jornadas do AudiovisualCOVAS DE DONA URRACACurtas premiadas no Festival de CansMabel Rivera e Enrique Banet: ‘O salário do silenzo’Xosé Bocixa: ‘As Encrobas. A ceo aberto’

22.30
Noite galegaCovas de Dona UrracaTino Baz e GrupoPoeta: Marica Campo-Aforo limitado-Entrada 10 €- Reserva de bilhetes:info@scdcondado.org ou 986 658 036

Sexta-feira 5 de Setembro

20.30
Jornadas do AudiovisualCOVAS DE DONA URRACAGZ Vídeos: selecçom de vídeos de Galiza Nom Se VendeSants.tv: ‘O AVE de Barcelona a Galiza’Curtas premiadas no Festival de Cans

22.30
Festa da MocidadeZONA DAS MURALHASApresentam Os da Ria
POETAS- O Leo- Kiko Neves- Carlos Figueiras- Valentina Carro- María Lado
GRUPOS- Ataque Escampe (Galiza)- The Turre´s Band (Galiza)- Os Corvos (Portugal)- O Sonoro Maxín (Galiza)

Sábado 6 de Setembro

11.30
Marcha popular- Murga: Sur do Condado- Gaiteiros: Bailía- Animaçom de rua: Touporroutou- Comboio de baixa velocidade

12.30
Mesa Redonda-Colectivos da rede 'Galiza Non Se Vende'
Feira Popular
Artesanato ao vivo- Cesteiros, cabaqueiros, tamanqueiros...

17.30
Festa infantilPRAça do castelo- Touporroutou

19.30
Festival Poético-MusicalZOna das muralhas
- Apresentam Luis Caruncho e Pinto d’Herbón
Poetas- Xiana Árias- Pedro Casteleiro- Paco Souto- Concha Rousia- Cruz Martínez- Alberto Lema- Igor Lugrís- Lino Braxe- Chus Pato- Pilar Beiro- Núria Martínez Vernís (Països Cataláns)- Limam Boicha (Saara)- Isaque Ferreira (Portugal)
Grupos- A Quenlla (Galiza)- Canto da Terra (Portugal)- Tabanka Djazz (Guiné-Bissau)- Pirats Sound Sistema (Països Cataláns)

sexta-feira, 15 de agosto de 2008

ciclope nas verzas



Habita no oco escuro
pendurado nas verzas coma un verme
Embaixo, a inseguridade
mutiloulle os pés e fica ovoide
apreixado na espesura polimorfa
Ente ciclópeo
abatido, salouqueiro no trocho





Licença Creative Commons


quarta-feira, 6 de agosto de 2008

O pombo




se tivese a pluma transgresora
que estourou na cavidade
do bico da pomba azul, faría malabares
só para divertimento das meniñas
..............................dos papirofléxicos
e atraparía o latexo que emana do corpo
dun pombo diagnosticado
...................de autismo severo
que deambula coa inconsciencia
do que lle vira as costas
..............................ao tempo


domingo, 27 de julho de 2008

Son pérolas



penduradas dun fío invisíbel
atavío da pedra que gabea
incansábel, que penetra na
profundade da terra

Pérolas
que se precipitan esbagulladas
invariábeis no núcleo
permanentemente custodiado
arrodeado por follas outonais

Son pérolas suicidas
que arrincan unha bágoa
e asumen resignadas a morte
finando, sen máis



Licença Creative Commons

Aquel@s que coñeceron o bufo verde


Free counter and web stats

segunda-feira, 21 de julho de 2008

O espantallo


Illado entre o millo vello
...............................folgado
Apreixado na terra mollada
semella emparentado co espazo
Retrospectivo, fusiforme
cun incipiente corno de vacaloura
Acaso é un revirado
tarabelo espichado no tarañeiro
que emite saloucos afundido
.................................na pozanca
infestado, abeirado polo
........................platihelminto




Licença Creative Commons




LUSCO E FUSCO



quarta-feira, 16 de julho de 2008

terça-feira, 8 de julho de 2008

O lecer




Hai un tallo de pedra
pendurado na memoria
el posúe a certeza do solpor
As horas transcorren amodo
xeando pegadas enlentecidas
que agardan o mes da seitura
e un deformado calendario
acampa na humidade das cuncas
coma se fose un exaltado Deus
a xerar pámpanos das caveiras
gárgolas estrábicas, mostra
paleontolóxica nas vidreiras
...................................das igrexas

sábado, 5 de julho de 2008

O comboio ha de vir



hai un relento que molla as queixadas
e aparecen escuras vacalouras
portando maletas cor violeta
........................................que vixían
Percibo a impasibilidade dos croios
.................................................axexan
seica pretenden facerse co silencio
Eu, trouxen o pano branco
.........................con bolboretas azuis
e inicio a danza
.............dos pés descalzos
Senta... agarda
............o comboio ha de vir



Licença Creative Commons