terça-feira, 30 de setembro de 2008

O vento pega na epiderme da ferralla



atravesando os furados detritos
fragmentos dun todo, noutro tempo
chimpado agora, no curruncho dunha chousa
ataviado cunha pobre litografía de pasamento
e un chapeu de palla
indiscutíbel complemento de elegancia

Mais se reparas, semella ollarte de esguello
dende a súa condición dun espichado



Licença Creative Commons

sábado, 20 de setembro de 2008

Moi rufo


No ollar dun bufo verde, imperturbábel
brincan ousados vocábulos
e forman escorzos harmónicos
baixo os crípticos ollos cor de laranxa
que percorren urbi et orbe, alíferos
coa fachenda dun captor innato
á esculca nos eidos de salgueiros e carrascas
Vívido, arúspice
existe un augur in crescendo nas súas ás





Licença Creative Commons


segunda-feira, 15 de setembro de 2008

Poetas na Rúa















Este domingo estiven en Combarro, presentando o VII Festival Popular de Poesía.
O meu poema " Estoupaban verdes escaravellos" foi publicado no libro que editaron co gallo do festival.
Para min foi un pracer conducir este acto poético coas novas xeracións de poetas.




Esta foto incluíronma no libro, "Poetas na Rúa" 2008

domingo, 7 de setembro de 2008

Data 6 de setembro, lugar Salvaterra

Perpetrárona coa lingua endemoñada
...............................................do agoirento
perforando a beleza indefensa, machucada
.........................................entre a herba murcha
mentres ollan a ferida durame dos cons
fincan os pés na maltratada terra e nisto
unha recua de grilos inicia o inminente
..........................................exercicio do exilio
deixando as moutas lúgubres, lousadas
..................................................de formigón
lesas, con evidentes sinais do matricidio
Aí onde tes a man, no corazón, agora
mantéñense vintecinco mil vermes cincentos
................................................................inanes
Incrústanse cepos no sangue coagulado e
transitan devezos esfiañados
Hanse atopar margaridas de ferruxe
nos peteiros dos paxaros fosilizados
e 13 corvos grallan enriba dos valados


Cruz Martínez

Poema incluído no libro do: XXII Festival da Poesía no Condado, 2008