segunda-feira, 28 de junho de 2010

Xorde unha morte

.
e decátaste das olladas apresadas
........................................nas meniñas
Das verbas de antonte que parecen
..........................................insuficientes
O tempo foxe entre os dedos, inexorable
oculto entre códigos imperceptibles
Tan só un último alento
exhala a lexible lectura de incenso e cinza
rechía nos dentes a crueza dun beixo
que transporta a un último cadáver
ao rito de corpo presente e posterior
........................................soterramento
Xace na sombra
atrapado na liña divisoria
onde polo momento
non podo aproximarme
A néboa ergue vetas
nos escenarios de mortes imprevistas
fanse monólogos
baixo a tenue luz das candeas
e as bágoas reconsideran
a perpetuidade de desolados océanos


25 – 2 – 05




Licença Creative Commons

This work is licensed under a Creative Commons Atribuição-Uso não-comercial-Vedada a criação de obras derivadas 3.0 Unported License.

domingo, 20 de junho de 2010



Son a silandeira verba
que agasalla cunha caricia
arrodeándoche o oído
O larpeiro regato que acolle a lava quente
chouta nos múltiples arrebatos
..............................representados
na sensual danza de linguas
Coutando espazos dunha xeografía
a mestura de cuspe pega dúas bocas
ao bordo do cobizoso precipicio
esvaradas, séntense vítimas dun tempo
que non parece propicio, pechan os ollos
entón a pel debuxa accesos secundarios
....................................................precisos
porque o arrecendo estraño do instinto
fai que apelen aos cinco sentidos
e urbanicen os solos, conmemorados
pola avidez do tacto, que esperta sensacións
.....................................................emerxentes
.................................................nas mans abertas
Acaso é isto unha tolemia, non sei
mais pensa no enigma e olla como transitan baixo
..........................................os narcotizantes efectos
.................................................duns ollos que miran




Licença Creative Commons

segunda-feira, 14 de junho de 2010

Afumados calidoscopios


reflicten cadáveres calcinados de indixentes
que ben puideran ser, un mesmo
As noites afanse
á provocada lentura das meniñas
Encadeadas no conciliábulo
A negra cascuda, axexante
ansía presas para poñer no caínzo
Mais, ignora que os ápteros
tamén aprenden a voar
Mentres isto sucede nun atelier de glamour
Outro eléctrico
percorre a inercia do tempo



Licença Creative Commons

terça-feira, 8 de junho de 2010

A luz abrolla



docemente nos labios
Amantes espidos observan valados de cuspe
................................................que pegan bicos
nas cúspides tocadas pola paixón
As pucharcas acollen, zumegan líquidos
.........................................................zume
zume con sabor a guacamole e a mazá
Esvaran coma bébedos sobre a superficie
..........................................................da pel
e as ondas do océano arremeten na carne
coa violencia dunha taquicardia
Faise a luz nos ventres
e no sétimo día descóbrense atallos
para acceder ao centro do volcán
Coas posicións perfectas pernottare
nell’ altro corpo per sempre
sentire quella strana malattia
mentres a luz apropiouse dos corpos
en situación de perpetuo clímax



Licença Creative Commons

quinta-feira, 3 de junho de 2010

A inxustiza



baixa a rúa igual que unha prostituta
co zarandeo sensual do que espera follar férreas leis
e pasalas polo forro

A escura erección construíu aduanas
onde cobrar impostos a comités de desempregados
de fame intacta

e eles...
séntense esquecidos da man dun Deus
resignados, pensan que a desgraza é designio divino
confésanse vítimas da adicción a todos os santos
e o clímax da vida eterna
fai soportable a lei do embude
A fe provoca sacrificios inútiles
A estrela de prata ilumina ao mellor postor
A catividade transfórmase en probas de acceso
a un falso paraíso de latón

Así, uns e outros
permanecemos coa rescatada alegría dos incautos
alimentándonos de certezas que son soños
tombados nos catres de insalubres celas



Licença Creative Commons