A porta reflicte a descatalogada salvación
que se achanta no balorecido son dunha campá
Fica estrábica no interior dun faro vello
coleccionando xustizas acedas
Seica hai un S O S
engadido nas equidistantes folerpas
que deambulan inconexas
Hainos que pensan
que a salvación é un limiar impreso
Un índice pechado baixo terra
Salvación, xustiza
son dous vocábulos indeterminados
abstraidos nas tobeiras irredentas
Mentres os cans ouvean, xorde na escena
Unha muller perseguida polo maltrato
Un terminal que suplica eutanasia
A praia cuberta de chapapote
que soña coa límpida auga do seu ecosistema
A nación que agarda a salvación, a xustiza
da permanencia da lingua de seu
nas bocas do pobo
Salvación, xustiza
Son dous vocábulos indeterminados
agochados detrás dunha porta...
Poema escrito para participar no Filo-café do 28 de febreiro, en Porto
This work is licensed under a Creative Commons Atribuição-Uso não-comercial-Vedada a criação de obras derivadas 3.0 Unported License.