quarta-feira, 18 de maio de 2011

Atraidos por un choque de feromonas

Sabes que, aínda que o pareza
isto non é unha asociación imperfecta
pois, mentres ti ficas de xeonllos
cara o meu embigo
eu, anégome como unha lagoa
no mes de inverno
ante a proximidade, a certeza do concúbito
Se che parece, achegareime a ti
coa ansia dunha namorada
E ti se queres, acólleme
pois eu, estou en posición
pendente dun apaño
A verticalidade neste instante
semella unha opción inevitábel
Entre os nosos corpos
non existen ocos que nos afasten
e ámote!
É posíbel que sexamos dous estraños
atraidos por un choque de feromonas
mais iso, é o de menos
Así que, déixate quedo á espera e úleme
pois o meu corpo arrecende a mazá
Ben o sabes
Tentemos á sorte e fagamos o amor
enriba do tendido eléctrico
Eu estarei limando mentres agardo
Limos brincadores executan danzas preliminares
Os pimpíns improvisan unha melodía quente
nas gallas do vello bidueiro
e eu cravareiche os dentes
para sentir na boca o gusto dos teus fluídos
Multiplicaránseme os bacilos no organismo
e morrerei de gusto

Mais, así a todo
Procurarei non perder a garantía, amor
pois, se se dá o caso
sempre podo cambiarte por un candeeiro
que me ilumine os días de menos sol

Este poema conseguiu o segundo premio de poesía no VIII Certame Literario Concello de Ames- 17 de maio 2011.
Licença Creative CommonsThis work is licensed under a Creative Commons Atribuição-Uso não-comercial-Vedada a criação de obras derivadas 3.0 Unported License.

sexta-feira, 6 de maio de 2011

É un día gris de outono


Unha viaxe a Oviedo. A cidade  e a estatua  que lle dedicaron a Woddy   Allen  inspiraron este poema.


As rúas amosan  un brillo que semella
unha lanterna acesa  no canto  dunha porta
Chove, e a humidade intérnase nos ósos
amodo
Percorre coma unha caricia nuns ollos ávidos
de formas
é visión de láminas  grises que invaden
unha memoria                       
Liñas de edificios érguense coma árbores petrificados
ataviados con follas de cemento
Deseños  de séculos  conviven nunha paisaxe  
que amorea liñas diversas nun lenzo
Os volumes gravitan no espazo
adquiren  movementos  de frescura
que se senten na pel
e o ollo paraliza  a luz das avenidas
que trazan somnámbulos tapices nas xanelas
                                  
Na praza, a imaxe dun Woddy Allen quedo
chíscache un ollo
De repente, a realidade é un semáforo en verde
unha cabina
transeúntes con présa
                                  
Non obstante                         
a estatua  do home fai  análises de si mesmo  


  

Licença Creative Commons

This work is licensed under a Creative Commons Atribuição-Uso não-comercial-Vedada a criação de obras derivadas 3.0 Unported License.