segunda-feira, 26 de setembro de 2011

III


A nena
ela, eu
engole as bágoas
por ter nacido enriba de estripos retrógradas
estigmatizada
As bonecas rinse na miña cara
na súa
e crean diferenzas irredutíbeis
Temos vertixe, pero
somos quen de
atravesar os canellóns
coa esperanza aínda intacta, camiñamos
afastamos esta memoria absurda
coma se fósemos centauros, sei que
haberemos superar a suposta estereotipia
pois hai un iris que nos quece polas coxas
e comprobo
que xa non gabean contos polo meu embigo
nin xiro no movemento sísmico da lavadora
Deixei de figurar neste escenario ilóxico
velaí estou, son eu e identifícome

Poema editado no libro "MULHERES entre poesia e luita".

domingo, 18 de setembro de 2011

II



Engádense fríos nichos neste lance
que arrincan derradeiros laios
nos beizos inertes
nos seus
nos meus
Semella inútil indagar no problema, penso...
Quero anexionarme ao territorio ceibe
pois procedo dun trémulo reverso
Os berros obstaculizan a palabra nas gorxas
nesta alba rota, de breves latexos, fuxidíos
Méteseme a tristura da cebola nas meniñas
Embebedada nas bágoas
prendo con pinzas no tendal o meu designio
e unha vez máis, véxome dando voltas
no sísmico movemento do microondas
entrementres, ao lonxe escóitase un fado
na voz de Amalia Rodrigues


Publicado no libro " MULHERES entre poesia e luita"

quarta-feira, 7 de setembro de 2011

I




Ela e eu
somos unha muller que fica irresoluta
a carón do negro pano, nun entreacto
Onde burkas psicolóxicos
penduran bolboretas mortas
Apegadas nas lámpadas
dos afumados teitos dun antonte
Parece improbábel que atope unha saída
seica vivo, ou non vivo
mais, permanezo paralizada
coma os paxaros fusionados nos paus da luz
naqueles postes, que circundan as estradas vellas
Arredor do meu embigo coido que
gabean todos los contos e crean labirintos
valados imposíbeis


Poema publicado en "MULHERES  entre poesia e luita".