quinta-feira, 14 de junho de 2012

A coleccionista de cicatrices (4º poema)


Hame dar igual
o lirismo inconcluso que te arrodea
Neste momento
non son máis ca
unha coleccionista de cicatrices
As verbas tropezan coas fiestras pechadas
consúmense nun crematorio
e todo acaba
como nun incendio
Neste intre
xa non procuro máis ca
recoñecerme nos vocábulos
que se albergan no interior dos meus labios
Absorbo o silencio das palabras
e instálome muda na friúra
na xeada do mes da candeloria
Has de saber
que me restablezo tras os apósitos
aínda que de vagar
Sei que haberá outros invernos
e outonos
nos que fixar o eterno fonema da nostalxia
dun poema


Gañador do segundo premio de poesía no 1º Certame Literario "Xosé Neira Vilas" 
Compostela, maio- 2012 

segunda-feira, 28 de maio de 2012

A coleccionista de cicatrices (3º poema)

Safe Creative
#1206061763567

Porque quizais espertei no momento
en que todo é previo
á patética secuencia dunha sombra
Porque talvez
acordara na interpolación
dunha implícita sobredose
tan imprecisa, tan séptica!
Por iso
inhíbome dilacerada na señardade
e procuro a iridescencia
suxestiva dunha miñaxoia

Do conxunto de poemas "A coleccionista de cicatrices" gañador do 2º premio de poesía 
no I Certame Literario Xosé Neira Vilas.

terça-feira, 15 de maio de 2012

A coleccionista de cicatrices


Teño os cóbados inmobilizados
confinados nas bagoadas
onde moran
as fendas abertas da muruxa

____________

Quito os lentes escuros
non os preciso
e déixoos pendurados
danzando na abotoadura da chambra
Intérnome en min mesma
na senda máis tépeda
máis sombría
A orballeira móllame os pés
e pónseme na man
a insomne bágoa
que abriu a páxina lacrada
da derrota

Pertencen ao poemario "A coleccionista de cicatrices" gañador do 2º premio de poesía 
no I Certame Literario Xosé Neira Vilas.

quarta-feira, 9 de maio de 2012

Amante tocada pola antropofaxia



Safe Creative
#1206061763543


A lascivia corre unha maratón
e fertilízame nas horas en que
acolle este meu territorio
posúeme
xemo como unha cadela quente
e asumo a certeza deste amor
por secuencias

Do poemario gañador,  no Certame Rosalía de Castro, 2008  (Cornellá-Barcelona) 

quarta-feira, 18 de abril de 2012

Asubío para dentro...




Uploaded with ImageShack.us

Asubío  para dentro e marco unha tese
nos pregues dun abdome
Hai informes deliberados
que atravesan as canles
dos embigos que se bican sen présa
Asubío para dentro e acado
a linguaxe íntegra que nos representa

Poema pertencente ao poemario "Amante tocada pola antropofaxia"  primeiro premio no Certame de poesía  Rosalía de Castro, 2008- Cornellá (Barcelona) 

domingo, 1 de abril de 2012

As sombras


As sombras dan voltas
arredor da súa anatomía sorprendida
A muller, vaise diluíndo
coma unha bolboreta nocturna
Ábrenselle paseniño as tebras
e ela, permanece anicada
escorréganlle da boca laios...

O sol estaba tan afastado
e a lúa era un grande punto negro!