quinta-feira, 14 de junho de 2012

A coleccionista de cicatrices (4º poema)


Hame dar igual
o lirismo inconcluso que te arrodea
Neste momento
non son máis ca
unha coleccionista de cicatrices
As verbas tropezan coas fiestras pechadas
consúmense nun crematorio
e todo acaba
como nun incendio
Neste intre
xa non procuro máis ca
recoñecerme nos vocábulos
que se albergan no interior dos meus labios
Absorbo o silencio das palabras
e instálome muda na friúra
na xeada do mes da candeloria
Has de saber
que me restablezo tras os apósitos
aínda que de vagar
Sei que haberá outros invernos
e outonos
nos que fixar o eterno fonema da nostalxia
dun poema


Gañador do segundo premio de poesía no 1º Certame Literario "Xosé Neira Vilas" 
Compostela, maio- 2012 

Sem comentários: