segunda-feira, 25 de maio de 2009

Contemplativa femia


Así adondada, na branca concavidade
estática, co ollar en fite
permanece nas lentas horas deste serán
coma o calco dunha Venus
certamente bela!
Non pestanexa e é o acorde perfecto
dos enigmas que transcorren
que se proxectan no seu iris
Está queda e un obxectivo fixa a imaxe
no espello
Haberá acaso quen coarte, quen altere o relaxo
a atonía desta Gioconda?

Contemplativa femia
adurmiñada no oco dun bidé




Licença Creative Commons

quarta-feira, 20 de maio de 2009

Os tempos son duros mais a vitoria é nosa

Poema homenaxe a Ramón Cabanillas
Quizais o arrecendo a terra mollada
foi quen de modular nun son
as verbas que se lle axuntaban na cordame percorrendo a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar
Quizais, nas lousas do chan de Fefiñáns
haxa un antonte e acéndase unha lumieira
nesta noite, noitebra
de medos e corvos que nos empurran
ao OCASO “ Da terra asoballada”
O tempo semella que é un rapsodo e declama:
...” Galicia está cansa,
soia cos seus pensamentos.
Non chora; secouse a fonte.
Ten as serpes chuchándolle os peitos...”
As palabras do poeta baten nos ouvidos
doentes, e síntome máis náufraga
pois os pirotécnicos seguen aí
atentándonos coas cinchas
e a choiva trae apegado un agoiro de matricidio
Mais eu, irredenta gabearei polos montes abertos
e percorrerei a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar e igual que Ramón berrarei:
“...¡irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
¡cantémo-lo dereito

quarta-feira, 22 de abril de 2009

Oda ao vello televisor


Está no faiado, a carón daquel paraugas azul
O paraugas que figura na escena coma unha vella gloria
Alí, esvaecese enriba das páxinas
dunha banda deseñada doutro tempo
As pombas aniñan no oco aberto das súas costas
e el fica inerte no sólido chan de formigón
maxinando que traspasa a fiestra de luz
a solaina aberta cara o norte e olla para algures
na procura da sintonía perdida
da imaxe fendida polo tempo

É inverno e nas lousas da xeada rúa
repta a poalla formando espellos




Licença Creative Commons

quarta-feira, 18 de março de 2009

Amante tocada pola antropofaxia


Son unha gata en celo, posúote
Iranse perpetuando, con vehemencia
as miñas pegadas na túa pel
Arrólome, miañando involucrada
nunha melodía que precede á cópula
Como preámbulo bailo sen saia
.........................................e agardo
a mutua penetración ao lírico universo
..............................................dos abrazos
Son comedora de carne
amante tocada pola antropofaxia
........................................aproxímate
que morro por meterche o dente
Este poema pertence ao poemario " Amante tocada pola antropofaxia".
Gañador do primeiro premio de poesía no XXII Certame "Rosalía de Castro" 2008 Cornellá ( Barcelona)





Licença Creative Commons



sexta-feira, 13 de fevereiro de 2009

Salvación e Xustiza

Agóchase detrás dunha porta
A porta reflicte a descatalogada salvación
que se achanta no balorecido son dunha campá
Fica estrábica no interior dun faro vello
coleccionando xustizas acedas

Seica hai un S O S
engadido nas equidistantes folerpas
que deambulan inconexas

Hainos que pensan
que a salvación é un limiar impreso
Un índice pechado baixo terra

Salvación, xustiza
son dous vocábulos indeterminados
abstraidos nas tobeiras irredentas

Mentres os cans ouvean, xorde na escena
Unha muller perseguida polo maltrato
Un terminal que suplica eutanasia
A praia cuberta de chapapote
que soña coa límpida auga do seu ecosistema
A nación que agarda a salvación, a xustiza
da permanencia da lingua de seu
nas bocas do pobo

Salvación, xustiza
Son dous vocábulos indeterminados
agochados detrás dunha porta...

Poema escrito para participar no Filo-café do 28 de febreiro, en Porto






Licença Creative Commons

sexta-feira, 30 de janeiro de 2009

Posúe unha estraña impavidez


no róseo lenzo, acastañado
está apreixada na soidade
do xeométrico labirinto
mediata a un negro burato
que se pendura dunhas nubes violáceas
Suca lutuosa a delimitada atmosfera

O ser séntese afectado de acrofobia
e coida que é un cicindélido
a piques de ser exterminado




Licença Creative Commons

segunda-feira, 26 de janeiro de 2009

Atopeite na asimetría dunhas riscas


Involucrado, enxertado na cernil superficie
dunha táboa
Había un proceso involutivo á natureza
Apalpei a túa metamorfose, evitando chorar
e fiquei abrazándote, arrodeando o diámetro
dunha árbore, que adoptara o teu sorriso
e as miñas bágoas





Licença Creative Commons