Quizais o arrecendo a terra mollada
foi quen de modular nun son
as verbas que se lle axuntaban na cordame percorrendo a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar
Quizais, nas lousas do chan de Fefiñáns
haxa un antonte e acéndase unha lumieira
nesta noite, noitebra
de medos e corvos que nos empurran
ao OCASO “ Da terra asoballada”
O tempo semella que é un rapsodo e declama:
...” Galicia está cansa,
soia cos seus pensamentos.
Non chora; secouse a fonte.
Ten as serpes chuchándolle os peitos...”
As palabras do poeta baten nos ouvidos
doentes, e síntome máis náufraga
pois os pirotécnicos seguen aí
atentándonos coas cinchas
e a choiva trae apegado un agoiro de matricidio
Mais eu, irredenta gabearei polos montes abertos
e percorrerei a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar e igual que Ramón berrarei:
“...¡irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
¡cantémo-lo dereito
a libre, nova vida!...”
This work is licensed under a Creative Commons Atribuição-Uso não-comercial-Vedada a criação de obras derivadas 3.0 Unported License.
Sem comentários:
Enviar um comentário