quinta-feira, 2 de junho de 2011

No mar, neste mar


Inevitabelmente existen intres agochados
apegados nestes cons como se fosen lapas
baixo os efectos dunha incipiente psicopatía
Fondeados
amolecidos
encallados no peirao da memoria
Atravésanlle a pel, esgárranlla
pásalle por enriba a auga dos océanos
e sente que lle navegan
que a tronzan todos os naufraxios
destinados á permanencia

É consciente de que hai epitafios
escritos na nudez do rochedo
Sabe que existen lapsos que conservan aínda
a lene caricia dos corpos espidos
que habitan insculpidos na superficie de pedra
e contan historias nas súas páxinas
vivencias
especialmente expresadas
nas ondas deste mar, que semella en calma
Nítido perfil do verso!

No mar, neste mar
olla o infinito ronsel de melancolía
e repara, no longo índice de feridas

No mar, neste mar
onde dormen os aloumiños
arrolados polo vento de nordés
Móllalle os pés a auga salgada
e bícalle a caluga o ardente sol
Está silente, deitada sobre a rocha
e sente que se vai mergullando nos recordos
coma unha Mactra corallina
que afonda na area
Sotérrase lentamente

2 comentários:

Unknown disse...

mergulhando en recuerdos .... me ha gustado :)

Cruz Martínez, escritora disse...

Moitas grazas por mergullarte no meu espazo. Un poético saúdo