segunda-feira, 28 de maio de 2012

A coleccionista de cicatrices (3º poema)

Safe Creative
#1206061763567

Porque quizais espertei no momento
en que todo é previo
á patética secuencia dunha sombra
Porque talvez
acordara na interpolación
dunha implícita sobredose
tan imprecisa, tan séptica!
Por iso
inhíbome dilacerada na señardade
e procuro a iridescencia
suxestiva dunha miñaxoia

Do conxunto de poemas "A coleccionista de cicatrices" gañador do 2º premio de poesía 
no I Certame Literario Xosé Neira Vilas.

terça-feira, 15 de maio de 2012

A coleccionista de cicatrices


Teño os cóbados inmobilizados
confinados nas bagoadas
onde moran
as fendas abertas da muruxa

____________

Quito os lentes escuros
non os preciso
e déixoos pendurados
danzando na abotoadura da chambra
Intérnome en min mesma
na senda máis tépeda
máis sombría
A orballeira móllame os pés
e pónseme na man
a insomne bágoa
que abriu a páxina lacrada
da derrota

Pertencen ao poemario "A coleccionista de cicatrices" gañador do 2º premio de poesía 
no I Certame Literario Xosé Neira Vilas.

quarta-feira, 9 de maio de 2012

Amante tocada pola antropofaxia



Safe Creative
#1206061763543


A lascivia corre unha maratón
e fertilízame nas horas en que
acolle este meu territorio
posúeme
xemo como unha cadela quente
e asumo a certeza deste amor
por secuencias

Do poemario gañador,  no Certame Rosalía de Castro, 2008  (Cornellá-Barcelona) 

quarta-feira, 18 de abril de 2012

Asubío para dentro...




Uploaded with ImageShack.us

Asubío  para dentro e marco unha tese
nos pregues dun abdome
Hai informes deliberados
que atravesan as canles
dos embigos que se bican sen présa
Asubío para dentro e acado
a linguaxe íntegra que nos representa

Poema pertencente ao poemario "Amante tocada pola antropofaxia"  primeiro premio no Certame de poesía  Rosalía de Castro, 2008- Cornellá (Barcelona) 

domingo, 1 de abril de 2012

As sombras


As sombras dan voltas
arredor da súa anatomía sorprendida
A muller, vaise diluíndo
coma unha bolboreta nocturna
Ábrenselle paseniño as tebras
e ela, permanece anicada
escorréganlle da boca laios...

O sol estaba tan afastado
e a lúa era un grande punto negro!

quinta-feira, 8 de março de 2012

Poema inspirado nunha imaxe do fotógrafo Carlos Silva "Munditaçoes"

Fotografía de Carlos Silva




No pétreo leito, entre os raís 


Porque son unha muller cuberta de resío
agardo o solpor espida
Abrazada a un interminábel fado
impávida
Coma unha inanimada estatua de sal
proxectada cara as vías
dende as xanelas brancas de aluminio
Contémplame! Veño dun naufraxio
Levo gárgolas de pánico na mirada
Acoitelo bágoas cos dentes
e emprendo traxectos incertos
Intúo que as memorias
québranme coma un vimbio, feble de humidade
Póusanseme nos labios folerpas
e os lobos dos recordos esgárranme a carne
Son unha faquir esmorecida
enriba dos camiños de ferro
Fágome a durmida
e o zunido do vento rínchame nos dentes
A chuvia desintégrase en ínfimas partículas
e morre aterecida
no pétreo leito, entre os raís

O reloxo vai cara atrás e o algarismo é un epitafio
que sucumbe baixo un convoi de mercancías