segunda-feira, 15 de outubro de 2012

A danza do paraugas gris


Unha chuvia intensa abre océanos  perante min
e  eu, acocho a miña tristura
baixo o paraugas gris
A chuvia, ás veces
está en nós mesmos
no noso interior
Vivo no interior dunha caixa de cartón
Non permiten que me queixe
morren esganadas as palabras  na miña gorxa
guindadas bágoas nun chan augacento
Non podo deixar de dar voltas
e voltas
porque estou presa nesta danza
de círculos interminábeis
imposíbel deixar de xirar
non podo







sábado, 29 de setembro de 2012

Amante tocada pola antropofaxia (poema 7)



Safe Creative #1304084914819


É  unha tenra sensación
pousar os meus labios nos teus
enchouparme no interior
quedar pendurada da túa boca
amor
ese é un doce xogo de equilibrios
ao que estou afeita
seino, dende que fiquei sen bragas
diante túa
e aterrei convulsa no teu ventre
dende aquela,  seino
estou convencida da analoxía
que teño coas limachas

Primeiro premio no XXII Certame Rosalía de Castro, 2008.

sexta-feira, 14 de setembro de 2012

Coido que son unha lesma


Safe Creative #1304084914833
imprégname no teu cuspe
Lámbeme coma unha  pucha
e átame a carón do teu monte
que teño fame

Do poemario "Amante tocada pola antropofaxia"
Gañador do XXII Certame Rosalía de Castro, 2008.

sexta-feira, 27 de julho de 2012

A miña boca


afaise á humidade
da achegada lingua e compartimos
fluídos
coma peixes vermellos, ledos
no interior do noso acuario
As noites afanse aos meus dedos
Eles teñen o privilexio de acadar
un si bemol
na superficie quente do teu peito

De  "Amante tocada pola antropofaxia" gañador do Rosalía de Castro, 2008

sexta-feira, 6 de julho de 2012

Tesme horizontal

 espida, espasmódica
Mollada entre as sabas
tesme en contacto co teu sexo
en posición de amar
A túa lingua succióname enteira
lingua retráctil
Sinto que as cóxegas acurtan as distancias
Estoupa de pracer o clítoris
téñote en min
mergullado
Non hai palabras


Do poemario "Amante tocada pola antropofaxia" gañador do XXII Certame de Poesía "Rosalía de Castro", 2008.