quarta-feira, 23 de novembro de 2011

Outono


 Outono” de Diego de Giráldez


Poema inspirado nesta obra pictórica.

As gallas forman
unha representación asimétrica
adhírense ao escuro espazo
e transmiten unha linguaxe que quixera entender
Ou quizais entenda...
Acomódome en posición observadora
e introdúzome no interior das liñas
NAScidas das definitivas pinceladas
que abren a visión á Natura espida
Esculco imaxes de todos os outonos
e persigo as empardecidas cores
que me achegan un arrecendo
a figos maduros e véxome
nun intre a carón da figueira, no eido
espectador silandeiro do tempo
De súpeto, non sei como
acariño nas miñas mans as tres follas
que denantes estaban deitadas
no chan da composición outonal


Ancórome no cesto de vimbio
e descubro que posúe un poder de abstracción
que abrolla NAS abertas arterias pigmentadas
subliñando unha descrición perfecta
nos precisos percorridos dos trazos
que comunican unha linguaxe

sexta-feira, 14 de outubro de 2011

Retomo o instante


no que a conciencia do ben

pendura na reconstrución

dun hime rachado


O purgatorio esnaquiza a libido

Espántanme os sermóns

a dobre moralidade

os absurdos xuízos de monicreques

que se masturban nos recunchos


Espanta o membro que só se ergue

para dominar


A virxindade

foi inventada por un home

aleixado de impotencia

agora québranlle as alas ao deus

cae de bruzos

rebélanse as concubinas

xa non vale que ameacen e perxuren

que o pecado se acocha debaixo do embigo

o asunto de Eva, a mazá, o paraíso

as femias rexeitan a información

e viven

segunda-feira, 26 de setembro de 2011

III


A nena
ela, eu
engole as bágoas
por ter nacido enriba de estripos retrógradas
estigmatizada
As bonecas rinse na miña cara
na súa
e crean diferenzas irredutíbeis
Temos vertixe, pero
somos quen de
atravesar os canellóns
coa esperanza aínda intacta, camiñamos
afastamos esta memoria absurda
coma se fósemos centauros, sei que
haberemos superar a suposta estereotipia
pois hai un iris que nos quece polas coxas
e comprobo
que xa non gabean contos polo meu embigo
nin xiro no movemento sísmico da lavadora
Deixei de figurar neste escenario ilóxico
velaí estou, son eu e identifícome

Poema editado no libro "MULHERES entre poesia e luita".