quinta-feira, 20 de janeiro de 2011

Ás veces as palabras fanse sonoras



por non facer do mutismo contrasinal

de desconcerto
Estoupan bolsas de cereixas e
ilumínanse paredes con cadros rupestres
As boas intencións esfareladas nas beirarrúas
dormen cos sen teito, en posición vertical
coma esteos
É inútil mollarse á porta das igrexas
cando a invisibilidade faise patente
baixo as pegadas da indixencia
cunha cegueira propicia
Ponlle un positivo á imaxe
e verás un filme daqueles
típico do Nadal
namentres un reloxo marca
horas de infancia
e transitan debuxos en branco e negro
nas xeografías, nos espazos
que permanecen nas sombras
E non amenceu, non
Agora a tristura é líder de audiencia
acapara as pantallas de cores
Afanareime pois en contar feridas
O corazón está ausente
Repañarei corpos polas vísceras
Non é posible recalcar mentalmente
a silueta da xustiza
cando as cámaras non dan co perfil axeitado
da retratada


Licença Creative Commons


Sem comentários: