terça-feira, 28 de dezembro de 2010

Entón as olladas volvéronse distantes



Percibiron a través da visión distorsionada
imaxes dunha guerra
Outra de tantas
Alguén le, observa o rostro dun ditador recorrente
Noutro lado da rúa
a puta vida deulle unha patada no cu
ao pobre derrotado
que fuma a porca cabicha que rescatou do chan
Namentres, as gastadas palabras buscan razóns
para seguir en pé
As feridas da alma vanno matando pouco a pouco
Sente que está morto
Analiza encrucillados
e descobre que hai enigmas que se escapan
do seu control
A brisa acurralada foxe. Foxe dun país que lle nega unha
esperanza
Inmigrante sen papeis é prostituída por un puto traficante
nun club de carretera
Hoxe, outro asasinato de xénero, indixesta o almorzo
A incompetencia impregna as costas de veleno
Cor acibeche
E máis
Pero; os ollos cérranse, non queren ver
Apágase un televisor
e por un instante, experimentas o alivio dos ignorantes


Licença Creative Commons

sábado, 11 de dezembro de 2010

Achanta



a gorxa é longa
As costas do pobre, tumescentes
non posúen folganza
para o espreguizamento
Talvez, “in vino veritas?”
Existe unha bébeda fantasía
contorsionándose na súa mente
as lousas esvaradías perden o equilibrio
baixo os seus pés
Ratas urbanas erguen berros incoherentes
así que, ponte un chapeu amarelo e camiña...
Mañá os colectores volverán a encherse
de lixo


Licença Creative Commons


quinta-feira, 2 de dezembro de 2010

Os espellos proxectan estruturas



que rexeitan inquebrantábeis espíritos
arroutados desconformes
carecen de xeonllos
non morden a terra
e sosteñen pancartas revolucionarias
Argumentos inacabados
crechos pensamentos entréganse
ao sublime acto
de lamber feridas
Soños en salmoira
debuxan unha paisaxe imperfecta
Designios fatalistas inxéctanse
nun océano intravenoso
namentres, o resto dorme a conciencia
recontando moedas
apuntalando o sorriso
no pico dun iceberg metafórico
invento dun repelente traficante

sábado, 20 de novembro de 2010

A liña vermella



suspendida na atmosfera

abrangue o silencio que nos suicida
contra os marcos das portas pechadas
sen saída
Este é un longo instante, de sinais enmudecidas
finadas pola vinganza do tempo
Atopo espirais amarelas,xelatinosas
de sabor agridoce
que amosan a inexactitude
da extensión das nostálxicas páxinas
que conviven
no cerebro ateigado de obsesivas cadencias
poderosas

Acachoupada, entre as rúas de pedra
unha escura toupa acada a visión perdida e
séntase no sumidoiro a chorar


Este poema pertence ao poemario "Aínda son unha amante inconsútil"
3º Premio no 1º Certame de poesía “Eduardo Chao” Vigo, 2006






Licença Creative Commons

quinta-feira, 4 de novembro de 2010

Bosquexo dunha perna que pretende tirar para diante III



En concreto sabía dela
As palabras fixeran unha descrición
Polo miúdo
Seica existiu, mais
Foi un concepto arredor dunha noria
O cuspe pegou ideas no baleiro
A man, con claros síntomas de
inseguridade
traza bosquexos inexactos dunha perna
que pretende tirar para diante


Licença Creative Commons