sexta-feira, 24 de outubro de 2008

É un felino engaiolado

que agocha, acubilla no seu regazo
a suposta materia inanimada

Insomne, percibe o milagre
dos vívidos espertares dos autómatas

Apégase, adhírese na adxacente textura
e concibe un adagio
conexo á face da moneca de trapo




Licença Creative Commons

terça-feira, 14 de outubro de 2008

novilunio


As liñas transfírense
apalpan os recantos periféricos
captan o xélido perímetro dun ovoide
raias profundas
decorren nun ínterim
o lúgubre entorno nucleico
abeiran o endeusado endego
e polimerízanse na interna cavidade cinérea




Licença Creative Commons

terça-feira, 30 de setembro de 2008

O vento pega na epiderme da ferralla



atravesando os furados detritos
fragmentos dun todo, noutro tempo
chimpado agora, no curruncho dunha chousa
ataviado cunha pobre litografía de pasamento
e un chapeu de palla
indiscutíbel complemento de elegancia

Mais se reparas, semella ollarte de esguello
dende a súa condición dun espichado



Licença Creative Commons

sábado, 20 de setembro de 2008

Moi rufo


No ollar dun bufo verde, imperturbábel
brincan ousados vocábulos
e forman escorzos harmónicos
baixo os crípticos ollos cor de laranxa
que percorren urbi et orbe, alíferos
coa fachenda dun captor innato
á esculca nos eidos de salgueiros e carrascas
Vívido, arúspice
existe un augur in crescendo nas súas ás





Licença Creative Commons


segunda-feira, 15 de setembro de 2008

Poetas na Rúa















Este domingo estiven en Combarro, presentando o VII Festival Popular de Poesía.
O meu poema " Estoupaban verdes escaravellos" foi publicado no libro que editaron co gallo do festival.
Para min foi un pracer conducir este acto poético coas novas xeracións de poetas.




Esta foto incluíronma no libro, "Poetas na Rúa" 2008

domingo, 7 de setembro de 2008

Data 6 de setembro, lugar Salvaterra

Perpetrárona coa lingua endemoñada
...............................................do agoirento
perforando a beleza indefensa, machucada
.........................................entre a herba murcha
mentres ollan a ferida durame dos cons
fincan os pés na maltratada terra e nisto
unha recua de grilos inicia o inminente
..........................................exercicio do exilio
deixando as moutas lúgubres, lousadas
..................................................de formigón
lesas, con evidentes sinais do matricidio
Aí onde tes a man, no corazón, agora
mantéñense vintecinco mil vermes cincentos
................................................................inanes
Incrústanse cepos no sangue coagulado e
transitan devezos esfiañados
Hanse atopar margaridas de ferruxe
nos peteiros dos paxaros fosilizados
e 13 corvos grallan enriba dos valados


Cruz Martínez

Poema incluído no libro do: XXII Festival da Poesía no Condado, 2008

terça-feira, 26 de agosto de 2008

Estoupaban verdes escaravellos




nos vidros de afumados lentes
Introducíanse coma pequenos besbellos
inquedos, inmersos na dinámica
de rachar a quietude do sono
O serán multicopista, reproduce devezos
no ar daquela primavera
enriba da superficie pétrea
Se acaso, fóronse involucrando
nas meniñas en repouso
e unha inusitada levitación
convértea nunha alada, nunha penla
que sobrevoa o onírico célico
plana, mentres os escaravellos verdes
furan a estraña levidade das follas de cemento