sexta-feira, 6 de maio de 2011

É un día gris de outono


Unha viaxe a Oviedo. A cidade  e a estatua  que lle dedicaron a Woddy   Allen  inspiraron este poema.


As rúas amosan  un brillo que semella
unha lanterna acesa  no canto  dunha porta
Chove, e a humidade intérnase nos ósos
amodo
Percorre coma unha caricia nuns ollos ávidos
de formas
é visión de láminas  grises que invaden
unha memoria                       
Liñas de edificios érguense coma árbores petrificados
ataviados con follas de cemento
Deseños  de séculos  conviven nunha paisaxe  
que amorea liñas diversas nun lenzo
Os volumes gravitan no espazo
adquiren  movementos  de frescura
que se senten na pel
e o ollo paraliza  a luz das avenidas
que trazan somnámbulos tapices nas xanelas
                                  
Na praza, a imaxe dun Woddy Allen quedo
chíscache un ollo
De repente, a realidade é un semáforo en verde
unha cabina
transeúntes con présa
                                  
Non obstante                         
a estatua  do home fai  análises de si mesmo  


  

Licença Creative Commons

This work is licensed under a Creative Commons Atribuição-Uso não-comercial-Vedada a criação de obras derivadas 3.0 Unported License.

terça-feira, 26 de abril de 2011

A luz volveuse opaca



polo tanto decidín viaxar na
nocturnidade
aliñarme axexante tralos vencidos
vaites, é estraño, aínda son unha amante
inconsútil
De súpeto as xanelas visten enreixados
e evocan tempos malditos
Eu tento argallar un número indefinido de
metáforas
para que non me invada a invernía da incerteza
Se existe un oco onde agochar os medos
Primeiro déixame sentir a calor dos teus beizos



Licença Creative Commons

This work is licensed under a Creative Commons Atribuição-Uso não-comercial-Vedada a criação de obras derivadas 3.0 Unported License.

domingo, 17 de abril de 2011

Aínda son unha amante inconsútil



Os zapatos de taco alto apertan moito

así a todo, axusto aínda máis
os meus pés de moneca e pego un
pincho
os brincos deixan pegadas nos instantes
que xorden intempestivos
As tépedas néboas dormen

segunda-feira, 21 de março de 2011

A Uxío Novoneyra


Alí, na casa de pedra queda a palabra
e unha xanela fica aberta cara a alba
Non hai baleiros
nos espazos que acollen
a lene fraxilidade dos alados
que moran naqueles eidos
Abro a páxina 97 e leo no graffiti
un pensamento
que transportan nos bicos os paxaros
“A MORTE NON É CERTO!”...
Mais, intúo que hai un laio
a cabalo entre o Courel e Compostela
E sei
que cada sitio ten o seu camiño
e que vai máis aló
A néboa non pecha as pegadas
que se debuxan por entre os bidueiros
Coido que aínda estás aí
camiño da Veneira
xuntando palabras e dicíndoas
en clave de versos
Seino


Intúo que existe un laio
a cabalo entre o Courel e Compostela



Licença Creative Commons

This work is licensed under a Creative Commons Atribuição-Uso não-comercial-Vedada a criação de obras derivadas 3.0 Unported License.

segunda-feira, 14 de março de 2011

quarta-feira, 2 de março de 2011

Vivo sen vivir en min!


Quizais se me flaxelase, co cinto dun abade
decapitado no transcurso dun reality show
igual, ficaría en éxtase

Se camiñase de xeonllos, cara a ermida
dunha virxe trasnoitada
posibelmente, sentiría a chamada

Sinto que a miña gorxa
posúe unha forte conexión
polo tanto
instalarei unha sonda nasogástrica
e reflectirase no látex
a imaxe da imperfecta humanidade
que vive na incoherencia duns salmos desgastados

Podería bicarlle o cu a un santo
e logo saír levitando, cara un ceo desvirtuado

A perpetuidade semella algo desexado
prototipo da mística felicidade

Quero ser santa!