sexta-feira, 13 de fevereiro de 2009

Salvación e Xustiza

Agóchase detrás dunha porta
A porta reflicte a descatalogada salvación
que se achanta no balorecido son dunha campá
Fica estrábica no interior dun faro vello
coleccionando xustizas acedas

Seica hai un S O S
engadido nas equidistantes folerpas
que deambulan inconexas

Hainos que pensan
que a salvación é un limiar impreso
Un índice pechado baixo terra

Salvación, xustiza
son dous vocábulos indeterminados
abstraidos nas tobeiras irredentas

Mentres os cans ouvean, xorde na escena
Unha muller perseguida polo maltrato
Un terminal que suplica eutanasia
A praia cuberta de chapapote
que soña coa límpida auga do seu ecosistema
A nación que agarda a salvación, a xustiza
da permanencia da lingua de seu
nas bocas do pobo

Salvación, xustiza
Son dous vocábulos indeterminados
agochados detrás dunha porta...

Poema escrito para participar no Filo-café do 28 de febreiro, en Porto






Licença Creative Commons

sexta-feira, 30 de janeiro de 2009

Posúe unha estraña impavidez


no róseo lenzo, acastañado
está apreixada na soidade
do xeométrico labirinto
mediata a un negro burato
que se pendura dunhas nubes violáceas
Suca lutuosa a delimitada atmosfera

O ser séntese afectado de acrofobia
e coida que é un cicindélido
a piques de ser exterminado




Licença Creative Commons

segunda-feira, 26 de janeiro de 2009

Atopeite na asimetría dunhas riscas


Involucrado, enxertado na cernil superficie
dunha táboa
Había un proceso involutivo á natureza
Apalpei a túa metamorfose, evitando chorar
e fiquei abrazándote, arrodeando o diámetro
dunha árbore, que adoptara o teu sorriso
e as miñas bágoas





Licença Creative Commons

domingo, 4 de janeiro de 2009

Viu a pegada insomne



o cincento vestixio dun día moribundo
aletargado
baixo o influxo do plenilunio
sen posibilidades de fuxir do inevitábel



As súas meniñas percorreron as núas sombras
que tinguían de liñas abstractas
o chan do serán


E soubo, da expresión poética dunha noite





Licença Creative Commons

quarta-feira, 26 de novembro de 2008

Poema onírico. A voz de Leonard Cohen mergullada nunha etapa do meu sono.


Agora que o penso, aquel era un cuarto
iluminado pola lúa minguante
Non chega o sol para acender as lámpadas
...............................................................do teito
que estoupan en sucesivas imaxes, secuencias sen sentido
.......................................................................................na noite
“O pequeno valse vienés “ resoa nunha onírica voz
imitando a Leonard Cohen
................................nun perfecto inglés
Ay, ay ay ay
Take this waltz take this waltz
Nas súas notas. Polas rúas escuras do silencio
..........................................................recolle verbas
os últimos versos, un poeta insomne

Espidos paxaros aniñan no faiado dos soños
Abren fiestras, coma quen constrúe castelos no ar
......................................................................e brincan
.............................................................................brincan
Empurran a vida para que esperte

Na cidade dos buratos chove, chove
Nesa sucesión de cráteres urbanos
crávanse pegadas no barro
..................................na lama

Na noite, mente sen linde
dan voltas as faces dos pesadelos

Poema incluido no libro: "a porta verde do sétimo andar"





Licença Creative Commons



domingo, 9 de novembro de 2008

Recital de: O clube dos poetas vivos e A porta verde do sétimo andar no UF

Foto de grupo. De esquerda a dereita: Servando Barreiro, Alberte Momán, Alfonso Láuzara, rosanegra, José Manuel Barbosa, Mariola soutelo, Artur Alonso, Cruz Martínez, Concha Rousía coa súa filla e Enrique Leirachá.



Foi o sábado, 22 de novembro.





O pracer acadou dimensións perfectas na rúa Pracer... no Uf...
As emocións reflectíronse nos interiores, coma náiades mergulladas nun río entre carballos, fortes, rexos... e a palabra palpitou enriba do pentagrama dunha cantarea.

sábado, 8 de novembro de 2008

Recital Músico- Poético en " A Esmorga" (Ourense)

Na foto de grupo, de esquerda a dereita: Belén de Andrade, Servando Barreiro, Concha Rousío, Gonzalo Caride, José Manuel Barbosa, Cruz Martínez, Maica Álvarez, Artur Alonso e rosanegra.
O sábado 24 de xaneiro estiven na rúa telleira. Os integrantes de "A porta verde do sétimo andar" fomos convidados polo outro colectivo cultural "O clube dos poetas vivos".
A friaxe desa noite, quentouse dabondo coa palabra e a música reflectida no interior de " A Esmorga.