terça-feira, 27 de abril de 2010

Panificadora


Acampa na masa, na grava marmañada
alzada cara a nada
A Jazz Band traba palabras

que fenecen sen vencer, neste venres trece...
Quer premer, erguer e ese rebenque
féndelle en dez e séntese ser, sen ser

chist, chist!
Sic, in city


Oh! os sons dos ocos son monótonos, rotos
como os monólogos dos zoroños xordos
Rozón, podón... homo, promotor do solpor
Non... Stop

Uf! un zunzún, un trust nun bus...


Acampa na masa, na grava marmañada
alzada cara a nada
A Jazz Band traba palabras

que fenecen sen vencer, neste venres trece...




Licença Creative Commons

sexta-feira, 23 de abril de 2010

Talvez


os grilos fan niño na cavidade
estomacal
cada vez que te aproximas
e emerxen taquicardias nos contornos
A pel reflicte propostas subxacentes
Intencionadamente convértome no espazo
na porción de terra que agarda a fusión
co sol
e xazo feliz no instante en que os abrazos
deixan entrever unha conexión perfecta
as pálpebras ábrense ao mundo que
me amosas
nas túas meniñas, na túa boca
Quizais teña que falar de ti coma un
hipervínculo



Licença Creative Commons

quinta-feira, 15 de abril de 2010

Déranlles un código con acceso directo

a algures
A suxestión encubriuse de formas múltiples
realizou malabarismos
fixeron vodú nos calcaños avermellados
de marxinais colectivos

Divindades botadores de cartas ou
que importa o reclamo
ou manancial do que flúe a ideoloxía
se é o obxecto directo que promove
que arrastra aos febles ao camiño
Lévaos a abstracción
ao galope dunha luz portátil
Convencidos da resurrección
cumpren vixilias prefixadas
coidan que a incorporeidade
traza accesos nítidos a un paraíso

Entrementres, na carballeira escurecida
seica
viuse unha recua de cogomelos asasinos




Licença Creative Commons

This work is licensed under a Creative Commons Atribuição-Uso não-comercial-Vedada a criação de obras derivadas 3.0 Unported License.

quinta-feira, 8 de abril de 2010

Quizais


as pombas foron quen
de seren prestidixitadoras
e entretivéronse
en facer xogos malabares
coas frangullas
que ficaron espetadas nos peteiros
As súas moléculas
improvisaron a danza
dun apocalipse
no chan da praza compostelá
nun solleiro serán de agosto



Licença Creative Commons